luns, 4 de febreiro de 2013


ARRANCA O ENTROIDO EN SALCEDA DE CASELAS



A Casa da Cultura Alfonso Daniel Rodríguez Castelao acolleu esta mañá a presentación da programación do Entroido en Salceda de Caselas. Marcos Besada, Alcalde de Salceda, Teresa Pérez, Concelleira de Cultura e Martín Acuña e Jaime Rodríguez en representación dos barrios de A Feira e Castro Barreiro respectivamente foron os encargados de dar a coñecer os actos previstos para estes días de festa.
O venres comezan os actos co desfile dos nenos e nenas dos centros escolares do municipio. O IES Pedras Rubias, o CEP Altamira, o CRA Raíña Aragonta, a Galiña Azul, a Escola Infantil Xoaniña e Manus reúnen un total de máis de mil cativos que van lucir os seus disfraces polo centro da vila a partires das 11:00 da mañá.
O sábado a partires das 17:00 haberá festa infantil de disfraces no Parque Raíña Aragonta con animación a cargo das Maimiñas.
O domingo é o día grande da programación municipal. Ás 12:00 a Banda de Música Cultural de Salceda ofrecerá o seu tradicional concerto na Praza do Concello. A partires das 16:30 terá lugar o XV desfile de carrozas e comparsas, con catorce agrupacións participantes compostas por case mil persoas. Sete desas comparsas son do mesmo municipio, e as demáis repártense entre Tui, Tomiño, Salvaterra e Porriño. Milleiros de persoas está previsto que asistan como público a este espectáculo, tal e como ven acontecendo nos últimos anos. Mentres o xurado toma a súa decisión celebrarase o V Concurso de Coplas de Entroido, e rematarase a festa coa actuación dos grupos Ilusión e Yucatán.
O luns e o martes pásaselles o turno aos barrios de Castro Barreiro e A Feira, que xa teñen todo preparado para presentar as súas carrozas e comparsas o martes ás 17:00 na Praza do Concello.
Teresa Pérez, Concelleira de Cultura, fixo un repaso pola programación, salientando o incremento de participación este ano. “Esperamos que sexan unhas citas multitudinarias tal como ven acontecendo nos últimos anos. Os que aínda non coñezan o Entroido de Salceda non deberían deixar de presencialo. É un espectáculo único”.
Marcos Besada, alcalde de Salceda destacou a importancia do entroido de Salceda, un dos máis antigos de Galiza, pola singularidade dos enfrontamentos entre os barrios de Castro Barreiro e A Feira. Resaltou a especial vinculación que tivo sempre o entroido de Salceda coa emigración, e a grande influencia que tivo dende sempre de entroidos tan coñecidos como o de Brasil.
A programción destes dous barrios segue a ser un segredo, xa que os carteis non se fan públicos ata o venres pola noite.



Ningún comentario:

Publicar un comentario