luns, 29 de abril de 2013

AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE PRACTICAS NON REMUNERADAS EN EMPRESAS DOS ESTADOS MEMBROS

ORDE do 25 de abril de 2013 pola que se establecen as bases que rexen as axudas para o programa Galeuropa a mozos e mozas para a realización de prácticas formativas non remuneradas en empresas de calquera dos Estados membros da Unión Europea, agás España, e se procede á súa convocatoria.


Artigo 1. Obxecto
1. Esta disposición ten por obxecto establecer as bases para regular a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a mozos e mozas galegos para estadías de prácticas formativas non remuneradas que se realizarán en empresas de calquera Estado membro da Unión Europea, agás España, e proceder á súa convocatoria. As estadías para as prácticas laborais desenvolveranse preferentemente na República Checa, Italia, Irlanda, Polonia, Holanda e Francia.
2. As estadías teñen como finalidade apoiar as persoas participantes en actividades de formación para adquirir os coñecementos, as competencias e as cualificacións que complementen o desenvolvemento persoal e profesional, facilitando a mobilidade dos traballadores en Europa e promovendo o desenvolvemento e a súa transferencia entre os países participantes ao mesmo tempo que perfeccionan as habilidades lingüísticas no idioma estranxeiro.
3. Será competencia da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a adxudicación de destinos para aquelas persoas seleccionadas, en atención ao ámbito de actividade das empresas contactadas en cada país de envío, á adecuación das persoas candidatas ao programa e ao nivel amosado de coñecemento de idiomas estranxeiros.
4. As estadías terán como máximo 8 semanas de duración cun mínimo de 25 horas formativas semanais, entre o 1 de xuño e o 15 de novembro de 2013.
Artigo 2. Financiamento e contía das axudas
1. As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.06.313A.480.0 da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, por unha contía de 600.000 euros.
2. A contía ascenderá a 2.400 euros por participante por un período máximo de 8 semanas.
Artigo 3. Incompatibilidade das axudas
Estas axudas son incompatibles con calquera outro tipo de axudas ou bolsas de institucións públicas destinadas a actividades similares.
Artigo 4. Destinatarios/as
1. Poderán solicitar as axudas as mozas e mozos que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia e, ademais, os seguintes:
a) Ser galego/a e estar empadroado/a en calquera concello de Galicia.
b) Ter entre 18 e 30 anos ao remate do prazo de presentación de solicitudes.
c) Estar en posesión de calquera título de formación profesional ou universitario acreditado por calquera centro público ou privado de Galicia, ou telo solicitado no momento de presentar a solicitude.
d) Que a dita titulación se obtivese nos cinco anos inmediatamente anteriores á data da convocatoria.
e) Posuír coñecemento dalgunha das seguintes linguas cun nivel suficiente para desenvolver unha práctica laboral axeitada ao seu grao de formación académica: inglés, italiano, francés e/ou alemán.
2. Serán excluídos/as os/as solicitantes que se atopen nalgunha das situacións de prohibición recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 5. Solicitudes e documentación
1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario